Thursday 18 de April de 2024

A Deputación achega preto de 324.000 ao concello de Lousame para melloras no municipio


Preto de 200.000 euros irán destinados á estabilización dun talud na estrada AC-308 para evitar desprendementos sobre o centro de día

A Deputación da Coruña fará unha achega de 323.264,5 euros ao Concello de Lousame grazas a dous convenios asinados entre o titular provincial, Diego Calvo, e a alcaldesa do municipio Teresa Villaverde.

Co primeiro deles, por valor de 197.467,18 euros, permitirase estabilizar un talud na estrada AC-308, en concreto no seu punto quilométrico 14,400. As obras consistirán en construír un muro de escollera sobre a beirarrúa e na zona de aparcamento que hai neste punto do viario e así resolver a caída de terras que se producen preto do centro de día. A Deputación asumirá en solitario o custe desta obra.

Máis seguridade viaria
Por outra banda, cunha achega de 125.797,32 euros procedentes dos fondos provinciais construirase unha senda peonil dende Sanguiñal a Marracín de Arriba e de camiño da Barreira a Guiende (Tallara). Preténdese así gañar en seguridade viaria para os veciños que residen na zona.

A senda desde Macarrín ata Sanguiñal terá unha lonxitude de 660 metros e 3,80 metros de ancho. Neste espazo realizaranse obras de pavimentación, construción de bordos, canalización e recollida de augas pluviais e instalación de cables para o alumeado público, así como a colocación de sinais, marquesiñas e varanda para defensas.

No camiño de Barreria a Guiende (Tallada), mellorarase a capa de rodadura ao longo de 1.200 metros, onde se conta agora cun ancho de calzada de 4,50 metros pero que se ampliará con medio metro máis a ambas marxes. Neste caso, tamén se limparán e abrirán as cunetas para a correcta drenaxe da estrada.

Neste caso, a Deputación asume o 80% do custo total dos traballos, que ascende a 157.246,65 euros.